Unha comunidade unida pola ELA
O pasado venres 22 de agosto, a nosa asociación tivo a honra de ser convidada a Verducido de Xeve (Pontevedra) para participar nunha charla organizada pola Asociación San Martín de Verducido. Foi unha xornada chea de emocións, reflexións e aprendizaxes compartidas, na que tivemos a oportunidade de poñer voz á realidade da ELA, unha enfermidade neurodexenerativa que precisa visibilidade, comprensión e apoio constante.
Na mesa de intervención participaron a nosa secretaria Pilar Guimeráns, quen destacou a importancia de dar a coñecer a ELA en todos os espazos posibles; a nosa directora Vanesa, que explicou os obxectivos e liñas de traballo da asociación; e María, afectada de ELA, quen coa súa valentía e testemuño persoal fixo visible o día a día desta enfermidade e a forza coa que se pode afrontar cando se conta coa solidariedade e o cariño das persoas que acompañan.

O encontro contou cunha excelente acollida por parte da veciñanza, que se amosou moi interesada e sensible ante as explicacións, preguntas e relatos. Para nós foi un paso máis na nosa labor de sensibilizar á sociedade sobre a realidade da ELA, porque cada pequena acción, cada conversa e cada xesto de apoio son imprescindibles nesta loita.
O Rastrexo Solidario: deporte, festa e solidariedade
Uns días máis tarde, o sábado 30 de agosto, celebrouse o esperado Rastrexo Solidario organizado tamén pola Asociación San Martín de Verducido. Este evento combinou a actividade deportiva, a diversión e a convivencia cunha finalidade moi especial: recaudar fondos para apoiar ás persoas afectadas de ELA e ás súas familias.
A participación, a pesares da choiva, foi moi numerosa, creando un ambiente de colaboración e solidariedade. Familias, grupos de amigos e veciños uníronse para vivir unha xornada diferente, na que o máis importante non era gañar, senón compartir, visibilizar e colaborar con esta causa solidaria.

Entrega de premios e cheque solidario
O venres 5 de setembro celebrouse a entrega de premios ás persoas participantes no rastrexo, un momento cheo de ledicia e recoñecemento para quenes fixeron posible o éxito desta actividade. Pero o momento máis emocionante chegou coa entrega do cheque solidario á nosa asociación:
Un total de 1.874,15 € recadados, que sumados á venda de merchandising, ascenderon a 2.549,15 €.

Esta cantidade, que para nós significa moito máis que unha cifra, será destinada integramente a continuar cos nosos servizos de apoio, acompañamento e visibilización da ELA. Cada euro recadado é un paso máis para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e para seguir facendo presente a súa voz na sociedade.
Dende AgaELA queremos dar as grazas á Asociación San Martín de Verducido pola súa iniciativa, á súa xente pola acollida e a todas as persoas que participaron, colaboraron ou aportaron o seu gran de area.
A solidariedade, cando se vive en comunidade, convértese nun motor imparable de cambios positivos. Xuntos e xuntas, demostramos que é posible transformar a dor en forza, a incerteza en esperanza e a enfermidade en visibilidade.
Seguiremos traballando, sempre da vosa man, para que a ELA non sexa unha realidade esquecida. Porque a unión fai a forza, e nesta loita necesitamos camiñar xuntas e xuntos.




























