A pasada semana tivemos a inmensa sorte de vivir unha noite inesquecible grazas á iniciativa solidaria "S2M e Amigos", organizada pola inmobiliaria S2M na Coruña a beneficio de AGAELA.
O resultado non puido ser máis emocionante: 25.000 euros recadados que serán destinados integramente aos servizos de psicoloxía e fisioterapia de AGAELA, dous recursos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas pola ELA e das súas familias.
A gala reuniu a decenas de persoas comprometidas coa nosa causa que, coa súa asistencia e colaboración, contribuíron a transformar a solidariedade en apoio real para quen máis o necesita.
Dende AGAELA queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a S2M por escoller a nosa entidade como beneficiaria desta iniciativa. Grazas por confiar no noso traballo e por demostrar que a responsabilidade social e o compromiso coas persoas poden converterse nunha poderosa ferramenta de cambio.
Queremos facer unha mención moi especial a Emma, José Manuel e a todo o equipo humano que hai detrás desta iniciativa. Sabemos que detrás dunha noite como esta hai meses de traballo, esforzo, organización e moita ilusión. Sen a súa dedicación e xenerosidade, este éxito non sería posible.

Os fondos recadados permitirannos continuar ofrecendo atención psicolóxica ás persoas afectadas e ás súas familias, un apoio fundamental para afrontar o impacto emocional que supón un diagnóstico de ELA. Tamén contribuirán a manter o servizo de fisioterapia, esencial para preservar durante o maior tempo posible a mobilidade, a autonomía e a calidade de vida das persoas que conviven coa enfermidade.
Durante a gala tivemos tamén a oportunidade de compartir a noite con persoas afectadas pola ELA e as súas familias, auténtico motor da nosa asociación e inspiración diaria para seguir traballando. Grazas a Adolfo, a Josefa e ás súas familias por acompañarnos e por axudarnos sempre a dar visibilidade á realidade da ELA.
Día tras día, iniciativa tras iniciativa, comprobamos que a solidariedade segue moi viva. Os 25.000 euros recadados son unha cifra extraordinaria, pero o máis importante é a mensaxe que hai detrás dela: as persoas que conviven cada día con esta enfermidade, non están soas.
En nome de toda a familia de AGAELA, grazas a S2M, grazas a todas as persoas asistentes e grazas a todas aquelas que fixeron posible esta noite tan especial.
Seguimos avanzando xuntos.




























