O vindeiro 22 de xuño, Monforte de Lemos, converterase no epicentro da solidaridade en Galicia coa celebración da Marcha Solidaria polo Día Mundial da ELA, unha iniciativa que busca visibilizar a enfermidade e recaudar fondos para manter e reforzar os servizos de atención e apoio ás persoas enfermas de ELA e ás súas familias.
Trátase dun evento participativo e aberto a toda a cidadanía, que combinará andaina e carreira, para que persoas de todas as idades e condicións poidan sumarse á causa e contribuír co seu esforzo e presenza.
Despois de varios anos realizando esta xornada, este ano dende AgaELA demos un paso máis e decidimos que a conmemoración deste día fose rotatoria e que cada ano se celebrase nun municipio de Galicia, levando a mensaxe de unidade, loita e esperanza a cada rincón da nosa terra.
A primeira parada será Monforte de Lemos, que acolle o evento con gran implicación e espírito solidario, converténdose nun símbolo de recordo e homenaxe, onde recordaremos a Germán, veciño querido e loitador incansable, que nos deixou fai 8 anos a causa da ELA.
"A ELA é unha enfermidade que necesita visibilidade, compromiso social e recursos. Esta marcha é unha maneira de unirnos como sociedade e recordarlle ás persoas afectadas que non están soas." Pilar Guimeráns, secretaria de AgaELA.
As INSCRICIÓNS EN LIÑA están xa abertas e poderán facerse tamén de forma presencial o propia día 22 de xuño na Plaza Compañia, antes do inicio da marcha. E para todos aqueles que non poidan asistir pero queren colaborar connosco, poden facer a súa doazón solidaria a través da FILA 0.
A xornada comezará coa recollida de dorsais a partires das 10:30h, seguida dun acto institucional ás 11:00h no que se fará homenaxe a Germán e se reivindicará a necesidade urxente de financiar e aplicar de forma efectiva a Lei ELA, aprobada por unanimidade no Congreso pero aínda pendente de dotación económica.
A saída da marcha será as 11:30h, cun percorrido accesible e pensado para todas as idades e condicións físicas: 2,5km para a andaina e 5km para a carreira. E ao remate, ao redor das 12:00h, haberá unha exhibición de baile e un sorteo de agasallos doados polo comercio local, como mostra do compromiso solidario de Monforte coa causa, para o que se poderán mercar rifas por tan so 1€.
A marcha será así un espazo de reivindicación onde se esixirá o cumprimento desta lei para garantir recursos, coidados e dignidade ás persoas con ELA. A ELA non entende de tempos nin de políticas e os enfermos de ELA non poden agardar máis. Esta marcha é unha chamada colectiva á conciencia e á acción. Porque detrás de cada diagnóstico hai unha familia, unha vida e una loita diaria que merece apoio real e continuo.
Esperámosvos a todos o vindeiro 22 de xuño na Praza Compañía en Monforte de Lemos baixo un mesmo obxectivo: apoiar ás persoas afectadas por esta enfermidade e ás súas familias en toda Galicia. Porque como ben dicía German "cando hai una man amiga, a loita faise máis fácil."