II Xornada Formación "Convivir coa ELA: comprender, coidar e acompañar".

Artigos Eventos Asociación

O pasado venres 21 de novembro celebramos a segunda xornada  da nosa formación "Convivir coa ELA: comprender, coidar e acompañar", dirixida a familiares e persoas coidadoras.

Nesta xornada, aborouse a dimensión psicosocial da ELA, poñendo foco nas emocións, necesidades e retos aos que se enfrontan tanto as persoas afectadas como as súas persoas coidadoras, destacando a importancia do acompañamento emocional e do coidado integral. Tamén se abordaron os recursos e dereitos sociais dispoñibles para as persoas afectadas e as súas persoas coidadoras.

Impacto emocional e social da ELA

 

Durante a xornada, as persoas asistentes reflexionaron sobre como a ELA afecta non só ao plano físico, senón tamén ao emocional e social, tanto das persoas afectadas como das súas familias e persoas coidadoras. A formación busca que as persoas coidadoras adquiran ferramentas que lles permitan xestionar mellor o estrés, a ansiedade e as emocións asociadas á enfermidade, favorecendo un acompañamento máis consciente e sostible.

Intervencións de profesionais especializadas

A sesión contou coa participación das psicólogas da asociación, Yolanda Montero e Elena Paniagua, que abordaron a xestión emocional, o estrés, a resiliencia e a importancia do autocuidado en coidadores/as e familias. E da traballadora social, que presentou recursos, prestacións e axudas económicas ás que poden acceder as persoas con ELA e as súas persoas coidadoras. 

Estas intervencións proporcionaron ás persoas asistentes coñecemento prácticos aplicables á vida diaria, así como un espazo para resolver dúbidas e compartir experiencias. 

Recursos e dereitos sociais

Durante a xornada explicáronse as diferentes prestacións, axudas económicas e recursos sociais dispoñibles para persoas con ELA e as súas familias, incluíndo información sobre prestacións por dependencia e outras medidas de acompañamento social.

O obxectivo é garantir que as persoas coidadoras e familias coñezan as opcións ás que poden acceder para mellorar a calidade de vida da persoa afectada e da propia persoa coidadora.

Valoración da xornada

As persoas participantes valoraron de maneira moi positiva a formación, destancando a utilidade dos contidos e a oportunidade de intercambiar experiencias con outras persoas coidadoras e familiares. 

Esta segunda xornada consolidou o papel da formación como ferramenta clave para mellorar o coidado e acompañamento das persoas con ELA.

Próximas xornadas

Continuaremos organizando xornadas formativas, reafirmando o noso compromiso de apoiar ás persoas con ELA e ás súas familias, dotándoas de recursos e coñecementos que lles permitan afrontar a enfermidade con maior seguridade e benestar. 

Colaboradores