Falecemento de Susi Seoane, Vicepresidenta de AGAELA

Artigos Asociación

As persoas que formamos a Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) estamos fondamente conmocionadas pola perda da nosa vicepresidenta, Susi Seoane, compañeira, amiga e loitadora incansable, que faleceu tras máis de cinco anos enfrontándose á ELA cunha forza, unha valentía e unha dignidade inmensas.

Susi non só conviviu coa enfermidade: enfrontouna, transformando a dor en compromiso, a fraxilidade en coraxe e o silencio en voz. Foi e seguirá sendo un exemplo para todas e todos nós.

Durante estes anos, Susi foi un piar fundamental da asociación. Sempre cun sorriso, dando vóz ás persoas con ELA e contribuíndo a sensibilizar á sociedade. A súa entrega, a súa humanidade e a súa capacidade para inspirar aos demais deixaron unha pegada imborrable. Sempre presente, sempre disposta, sempre loitando polos dereitos das persoas con ELA e das súas familias, mesmo nos momentos máis difíciles.

Grazas, Susi, por todo o que nos ensinaches. Grazas pola túa valentía, pola túa coherencia, pola túa mirada chea de verdade e por non renderte nunca. O teu exemplo acompañaranos sempre.

Hoxe, dende a tristeza máis fonda, o noso pensamento está con todas as persoas que xa non están e que, como dicía Susi “son o verdadeiro motivo polo que loitamos cada día: as que se foron, as que están e as que, desgraciadamente, estarán”. Queremos dicir alto e claro que seguiremos loitando por ti e por todas elas, reclamando visibilidade, apoio, recursos e investigación, porque esa foi tamén a túa causa. Porque esa é agora a nosa responsabilidade.

O teu legado seguirá presente en cada paso que deamos, en cada voz que se erga, en cada dereito que reclamemos.

Descansa en paz, compañeira.
AGAELA non te esquece.

Colaboradores