O 12 de marzo, o Congreso aprobou por unanimidade a tramitación da Lei ELA, un paso crucial para apoiar as persoas por esta enfermidade e aos seus coidadores, garantindo a cobertura sociosanitaria necesaria. Esta aprobación reflicte o recoñecemento do arduo traballo de asociacións como AGAELA, que loitaron incansablemente pola dignidade e calidade de vida das persoas afectadas.
É vital que a loita continúe sen obstáculos burocráticos. Os afectados e afectadas de ELA e as súas familias precisan o noso compromiso e apoio.
Queremos agradecer especialmente ao Concello de Nigrán, Ferrol, Santiago de Compostela, Moaña, A Laracha, entre outros, por colaborar con esta causa.
Elévanse ao Pleno, para o seu debate e aprobación, os seguintes ACORDOS:
- O Concello instará por escrito nos próximos 30 días ao poder lexislativo estatal para que proceda a tramitación de xeito preferente, urxente e prioritario dunha proposición de lei que recolla as mellores achegas de cada unha das normas aprobadas unanimemente e non esqueza que a garantía dos coidados 24/7 deben constituír a base fundamental da futura lei.
- O Concello instará por escrito nos próximos 30 días á Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia para que, dentro do ámbito das súas competencias sociosanitarias, teñan en conta as necesidades do colectivo de doentes e familiares, á hora de deseñar, implementar e aplicar políticas que poidan incidir na mellora da calidade de vida dos afectados.
- O Concello comprométese a continuar prestando apoio público á reivindicación legal contida nesta moción, ata o momento en que a norma sexa publicada e entre en vigor.
- O Concello comprométese, como forma de colaboración directa desta administración local cos afectados pola ELA, a poñer a súa disposición o asesoramento técnico dos Servizos Sociais municipais á hora de tramitar todas aquelas axudas e/ou prestacións establecidas para a mellora da calidade de vida dos enfermos e as súas familias, sexan de ámbito municipal, autonómico, estatal ou europeo.
- O Concello comprométese, dentro das posibilidades técnicas, orzamentarias e loxísticas municipais, a colaborar coa asociación AGAELA, naquelas accións que esta asociación leve a cabo para dar visibilidade e concienciar sobre a realidade desta patoloxía.
Invitamos a todos os municipios galegos a unirse a esta causa e amosar o seu respaldo a quen enfróntase á ELA con dignidade e valentía. É hora de que os poderes públicos estean á altura.