Crónica: Cangas do Morrazo moveuse pola ELA

Artigos Eventos Asociación

O pasado 14 de xullo, Cangas do Morrazo converteuse no epicentro da solidariedade e da actividade física coa celebración do evento “Cangas do Morrazo móvese pola ELA”. Baixo un bo clima e cunha temperatura perfecta, máis de 200 persoas uníronse nunha xornada que combinou deporte, compromiso social e moita emoción. 

A Casa da Cultura de Cangas do Morrazo foi o escenario elixido para a intervención previa ás probas, 20 minutos antes do pistoletazo de saída, Susi Seoane e as autoridades locais deron a benvida aos participantes e destacaron a importancia da solidariedade e da unión comunitaria para facer fronte á ELA

Andaina e Carreira
Ás 10:15 da mañá, dende a Casa da Cultura, os participantes comezaron a súa andaina solidaria. A andaina, cun percorrido de 4,2 km, levou aos asistentes por un traxecto pintoresco que incluíu a volta pola Gasolineira, Punta de Rodeira e o regreso á Casa da Cultura. Ao mesmo tempo, os corredores lanzáronse á carreira de 8,8 km que os levou ata Aremilla, pasando tamén pola Punta de Rodeira antes de regresar ao punto de partida. Ambas actividades destacaron polo ambiente de camaradería e polo apoio constante dos espectadores, que aplaudiron e animaron aos participantes en cada paso do camiño.

Natación
Ao mediodía, ás 12:00 horas, foi a quenda dos nadadores. Coa saída na rampa do Ojea e a meta na Casa da Cultura, os participantes nadaron 500 metros nun mar calmo, coas augas de Cangas ofrecendo un escenario perfecto para a natación. Os aplausos dos asistentes á meta puxeron o broche de ouro a unha xornada deportiva que destacou pola súa organización impecable e polo entusiasmo de todos os participantes.

Sorteos
Ao final da xornada, os inscritos tiveron a oportunidade de participar en emocionantes sorteos con agasallos aportados por diferentes patrocinadores e colaboradores. Este momento de diversión e celebración puxo o punto final a un día inesquecible, deixando en todos os presentes unha sensación de unidade por contribuír a unha causa tan importante.

Este evento destacou non só pola súa organización, senón tamén pola emotividade e a inspiración que trouxo a todos os presentes. Un comezo perfecto para un día que, sen dúbida, quedará gravado na memoria de Cangas do Morrazo. A recadación final ascende aos 3379€.

 Álbum de fotos

 

Grazas a todas as persoas que o fixeron posible!

Colaboradores

Termavi