Esta mañá, en Cambados, vivimos un momento moi especial. A nosa asociación, AgaELA, foi unha das entidades beneficiarias da duodécima edición de Os Xoves de Códax, o ciclo musical solidario que organiza cada verán Bodegas Martín Códax.
Nun emotivo acto, recibimos un cheque solidario por valor de 8.800 €, unha achega que supón un gran impulso para seguir avanzando na nosa misión.

En que se transformará esta axuda?
Grazas a esta contribución, poderemos:
- Manter e reforzar os nosos servizos sociosanitarios para as persoas con ELA e as súas familias.
- Ampliar o noso banco de produtos de apoio, que prestamos de maneira gratuíta ás persoas socias afectadas.
- Poñer en marcha novas accións de visibilización e concienciación social sobre a ELA.
- Impulsar iniciativas que apoien a investigación na detección precoz e na procura dunha cura.
Este donativo é moito máis ca unha cifra: é un paso adiante na loita contra a ELA e un respaldo esencial para quenes conviven coa enfermidade cada día.
Unha iniciativa que une música e solidariedade
A XII edición de Os Xoves de Códax reuniu a artistas de primeiro nivel nun ciclo de concertos que, ademais de achegar música á xente, conseguiu recadar máis de 35.000 euros destinados a varias asociacións solidarias: ACOUGO, ASPANAES, DisCamino e AgaELA.
Desde a súa creación, este proxecto leva recadados máis de 300.000 euros, contribuíndo a mellorar a vida de colectivos en risco ou con necesidades especiais.
O noso agradecemento
Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Bodegas Martín Códax polo seu compromiso coa sociedade galega e a todas as persoas que asististedes aos concertos. A vosa solidariedade fai posible que sigamos traballando para que ningunha persoa afectada por ELA nin as súas familias se sintan soas neste camiño.
Grazas por camiñar ao noso carón.




























