Cangas volveu moverse pola ELA na súa undécima edición

Artigos Eventos Asociación

A solidariedade volveu ser a gran protagonista en Cangas coa celebración da 11ª edición de Cangas Móvese pola ELA, unha cita xa consolidada como un dos eventos solidarios de referencia en Galicia na loita contra a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

Un ano máis, centos de persoas reuníronse para amosar o seu apoio ás persoas afectadas pola enfermidade e ás súas familias, convertendo esta xornada nun espazo de encontro, compromiso e esperanza.

Desde AGAELA, a Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta nova edición.

O noso primeiro recoñecemento é para as persoas con ELA e as súas familias. A súa fortaleza, o seu exemplo e a súa confianza son o motor que impulsa o noso traballo diario e a nosa loita por mellorar a súa calidade de vida.

Queremos agradecer tamén ao Concello de Cangas, impulsor desta iniciativa desde a súa primeira edición, así como aos concellos de Moaña e Bueu, que continúan demostrando ano tras ano o seu compromiso coa causa. O noso agradecemento esténdese igualmente á Deputación de Pontevedra e á Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, polo seu apoio institucional e por contribuír a que esta iniciativa siga medrando.

Un agradecemento moi especial merece o tecido empresarial e comercial da comarca. Cada edición son máis as empresas e comercios locais que se suman doando produtos para o sorteo solidario, unha mostra da crecente implicación da sociedade coa realidade da ELA.

Nada disto sería posible sen o extraordinario labor das persoas voluntarias. O seu tempo, esforzo e dedicación fan posible que cada detalle do evento saia adiante e que a xornada se desenvolva con éxito.

Por suposto, queremos agradecer tamén a todas as persoas asistentes que decidiron compartir este día connosco. A súa presenza non só contribúe a dar visibilidade á enfermidade, senón que representa unha importante mensaxe de apoio e acompañamento para todas as familias afectadas.

Esta undécima edición permitiu recadar un total de 4.812 €, unha achega que se destinará integramente aos programas e servizos que AGAELA desenvolve en toda Galicia para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas pola ELA e das súas familias. Cada euro recadado representa moito máis ca unha cifra: tradúcese en atención, apoio, acompañamento e recursos para quen máis o necesita.

Hai once anos, Cangas Móvese pola ELA naceu cun obxectivo moi claro: dar visibilidade á ELA e lembrar que detrás destas tres letras hai persoas, familias, soños e unha realidade que merece ser atendida. Hoxe podemos dicir con orgullo que Cangas Móvese pola ELA converteuse nun referente de solidariedade en Galicia.

Desde AGAELA seguimos traballando cada día para mellorar a calidade de vida das persoas con ELA e das súas familias. Pero tamén seguimos loitando para que a ELA ocupe o lugar que merece nas políticas públicas e para que ningunha persoa quede atrás.

Sabemos que aínda queda moito camiño por percorrer pero cando vemos unha praza chea, cando sentimos o compromiso dunha comarca enteira e cando comprobamos que cada ano somos máis, recuperamos a esperanza.

En nome de todo o equipo de AGAELA, grazas por acompañarnos un ano máis e por demostrar que Cangas continúa movéndose pola ELA.

Seguiremos aquí, unidos, facendo ruído, dando visibilidade, reclamando máis investigación, máis recursos e máis apoio para todas as persoas afectadas.

Colaboradores